Friday 05 de July de 2024

O festival Atlántica trae á Pobra dous espectáculos de narración oral


O festival Atlántica volve levar novas historias a diferentes puntos da xeografía galega e parte da portuguesa no verán deste 2024. Narración oral e paraxes fundiranse unha vez máis con numerosos espectáculos de narración oral. A Pobra do Caramiñal é unha das localidades ás cales chegará esta duodécima edición, con dúas funcións destinadas a público adulto programadas para o mes de xullo. Ambas son de balde e contan coa colaboración da Concellaría da Cultura.

Su Garrido Pombo converterá os xardíns do pazo do Couto en Patios de luz. Alí contará e cantará unha historia común: a da emigración da aldea ós barrios, onde as protagonistas son as veciñas, a comunidade, o día a día, as hortas, o doméstico. Tocará oíla no venres, 5 de xullo, ás 21.00 horas. A entrada efectuarase polas inmediacións da fonte do Castelo.

E a compañía En Branca e Negra, con Cris de Caldas e Amor Herrera, traerá Ida e volta ó Cantón da Leña. As artistas conxugan narración oral e música en directo para facer unha viaxe no espazo e no tempo a través de historias de migracións para non perde-la memoria e riqueza da diversidade cultural; porque, rememorando o pasado, entenderase mellor o presente e respectarase o futuro. Será no sábado, 6 de xullo, ás 21.00 horas.

Máis información na páxina web www.festivalatlantica.gal.